Presidencia da Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia | |
---|---|
Tratamento | Excelentísimo señor |
Residencia | Residencia oficial de Monte Pío, Santiago de Compostela |
Sede | Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela |
Ámbito | Comunidade Autónoma de Galicia |
Designado por | Parlamento de Galicia |
Duración | Catro anos, sen límite de mandatos |
Creación | 22 de xaneiro de 1982 |
Primeiro titular | Xerardo Fernández Albor |
Precedido por | Alberto Núñez Feijóo |
Salario | 72.679,92 €/ano |
Sitio web | www.presidente.gal |
A presidencia da Xunta de Galicia é ostentada pola persoa encargada de liderar a Xunta de Galicia, o máximo órgano executivo do ámbito competencial galego, e de representar a Galicia no exterior. É elixida polo Parlamento de Galicia, entre os seus deputados (artigo 15.2, do Estatuto de Autonomía)[1] escollidos á súa vez por sufraxio universal.
O goberno de Galicia foi establecido o 16 de marzo de 1978 e foi reforzado polo Estatuto de autonomía de Galicia de 1981, ratificado o 28 de abril de 1981.[2] O seu período de goberno é de catro anos, que poden ser renovables as veces que os galegos e as galegas queiran.
Dende 2022, a presidencia da Xunta de Galicia está rexida polo pontevedrés Alfonso Rueda Valenzuela.
Atribucións
[editar | editar a fonte]As atribucións do presidente están presentes na Lei de Galicia 1/1983, de 22 de febreiro, de normas reguladoras de la Junta y de su presidencia (publicada no DOG, o 21 de marzo) baseándose no artigo 16.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia e son as seguintes:
- Representa-la Comunidade Autónoma de Galicia nas relacións con outras institucións do Estado (artigo 10).
- Subscribir os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas.
- Convocar eleccións ao Parlamento de Galicia trala súa disolución.
- Promulgar no nome do Rei as leis de Galicia, así como, no seu caso, os Decretos Lexislativos e ordena-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
- Como representante ordinario do Estado en Galicia, corresponde ao Presidente da Xunta manter relacións coa delegación do Goberno aos efectos dunha mellor coordinación das actividades do Estado en Galicia e as da Comunidade Autónoma.
- Ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento do presidente do Tribunal Superior de Xustiza, e das leis e decretos lexislativos de Galicia no Boletín Oficial do Estado.
- Dirixir e coordina-las actividades da Xunta e ocupa-la representación do Estado en Galicia (artigo 19, do Estatuto de Autonomía).[1]
Dereitos
[editar | editar a fonte]O presidente da Xunta, posúe tamén uns dereitos conferidos, sobre todo, no artigo 11 na mesma Ley de Galicia 1/1983,[3] entre os que están:
- A preeminencia que, baseándose na alta representación da Comunidade Autónoma e á ordinaria do Estado en Galicia, lle corresponde.
- Que lle sexan rendidos os honores correspondentes baseándose no establecido na legalidade vixente e ao acordado na Comunidade Autónoma.
- Recibi-lo tratamento de Excelencia.
- Utiliza-la bandeira de Galicia como guión.
- Ocupa-la residencia oficial que se estableza, coa correspondente dotación de persoal e servizos.
- Percibi-la remuneración e gastos de representación que se establezan polo Parlamento de Galicia e figuren nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.
- Recibir con carácter vitalicio o tratamento de Excelentísimo Señor e os honores protocolarios e as precedencias establecidas na lexislación vixente e na que, no seu caso, dite a Comunidade Autónoma.
- Ser membro nato do Consello Consultivo de Galicia.
Estrutura interna
[editar | editar a fonte]A presidencia da Xunta, ademais das competencias de representación e de liderado do poder executivo, presenta uns órganos dependentes. Baixo o goberno de Alfonso Rueda Valenzuela, trala súa elección en maio de 2022,[4] as competencias reservadas son:[5]
- Secretaría Xeral da Presidencia (da que dependen a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia): Beatriz Cuiña Barja
- Secretaría Xeral da Emigración: Antonio Rodríguez Miranda
- Secretaría Xeral de Medios (da que dependen a Dirección Xeral e o Gabinete de Comunicación): Silvia Valdés Díaz de Freijo
- Corporación de Radio e Televisión de Galicia: Alfonso Sánchez Izquierdo
- Asesoría Xurídica Xeral: Manuel Pillado Quintáns
- Axencia Turismo de Galicia: María Nava Castro Domínguez (cesada o 15 de xuño de 2023).[6]
- S.A. de Xestión do Plan Xacobeo: Ildefonso de la Campa Montenegro
Ademais, como as demais consellerías, ten unha secretaría xeral de Presidencia, da que depende o director xeral do Gabinete de presidencia. Tamén depende da Presidencia o gabinete de asesoría xurídica xeral da Xunta.
A Directora da Axencia de Turismo María Nava foi cesada en xuño de 2023, por mor da súa presentación á alcaldía de Ponteareas.[6]
Lista de presidentes
[editar | editar a fonte]Ata o de agora, houbo seis presidentes da Xunta autonómica e dous da preautonómica.
Preautonomía
[editar | editar a fonte]Imaxe | Presidente | Inicio do mandato | Fin do mandato | Partido | |
---|---|---|---|---|---|
Antonio Rosón Pérez (Becerreá, 1911–1986) |
13 de xullo de 1977 | 9 de xuño de 1979 1 ano, 10 meses e 27 días |
UCD | ||
Xosé Quiroga Suárez (Petín, 1920–2006) |
9 de xuño de 1979 | 22 de xaneiro de 1982 3 anos, 3 meses e 18 días |
Autonomía
[editar | editar a fonte]Imaxe | Presidente | Inicio do mandato | Fin do mandato Duración |
Partido | Lexislatura (Eleccións) | |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | Xerardo Fernández Albor (Santiago de Compostela, 1917–2018) |
22 de xaneiro de 1982 | 26 de setembro de 1987 5 anos, 8 meses e 4 días |
Alianza Popular | I (1981) | |
II (1985) | ||||||
2 | Fernando González Laxe (A Coruña, 1952) |
26 de setembro de 1987 | 5 de febreiro de 1990 2 anos, 4 meses e 9 días |
PSdeG-PSOE[nota 1] | ||
3 | Manuel Fraga Iribarne (Vilalba, 1922–2012) |
5 de febreiro de 1990 | 2 de agosto de 2005 15 anos, 5 meses e 25 días |
PPdeG | III (1989) | |
IV (1993) | ||||||
V (1997) | ||||||
VI (2001) | ||||||
4 | Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948) |
2 de agosto de 2005 | 16 de abril de 2009 3 anos, 8 meses e 14 días |
PSdeG-PSOE[nota 2] | VII (2005) | |
5 | Alberto Núñez Feijóo (Ourense, 1961) |
16 de abril de 2009 | 12 de maio de 2022 13 anos e 26 días |
PPdeG | VIII (2009) | |
IX (2012) | ||||||
X (2016) | ||||||
XI (2020) | ||||||
6 | Alfonso Rueda Valenzuela (Pontevedra, 1968) |
12 de maio de 2022 |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Goberno de coalición con Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego
- ↑ Goberno de coalición co Bloque Nacionalista Galego
- Referencias
- ↑ 1,0 1,1 "O presidente no Estatuto de Autonomía". xunta.gal. Consultado o 10-12-2018.
- ↑ "Todos os presidentes da Xunta de Galicia". Consultado o 16 de xuño de 2023.
- ↑ "Título II. Del Presidente de la Xunta". noticias.juridicas.com. Consultado o 10-12-2018.
- ↑ "Alfonso Rueda, proclamado presidente da Xunta, sexto da historia autonómica - G24".
- ↑ "Estrutura da Presidencia da Xunta". xunta.gal. Consultado o 16 de xulio de 2023.